Novas tecnoloxías e cambio climático, os retos futuros do sector agroalimentario (Galicia Confidencial)
12/06/2023 Repercursión Informe de tendencias agroalimentarias 2023
Novas tecnoloxías e cambio climático, os retos futuros do sector agroalimentario
O uso das novas tecnoloxías para facer unha produción máis sustentable e o reto do cambio climático son dous dos principais factores que marcarán o futuro do sector agroalimentario, segundo o informe elaborado pola Fundación Europea para a Innovación (INTEC) e Minsait-Indra, e que foi presentado este luns en Vigo.
Así, segundo explicou o vicepresidente executivo de INTEC, Juan Francisco Delgado, as grandes macrotendencias detectadas en 2023 neste sector pasan polo uso de ferramentas como a Intelixencia Artificial, o 'big data', os drones, a 'internet das cousas', ou mesmo as redes de satélites.
Tamén destacou a importancia crecente da seguridade alimentaria e a rastrexabilidade, así como a implantación da agricultura sustentable e de "precisión". Do mesmo xeito, a tendencia na gandaría tamén está marcada pola sustentabilidade.
Juan Francisco Delgado referiuse igualmente a liñas de acción asentadas ou en proceso de consolidación, como a obtención de alimentos "baseados nas plantas" ou de "carne artificial a partir de células nai". Todo iso grazas á aposta pola innovación, no marco do 'crecemento azul'.
Smart Agrifood Summit